Friday 10 de May de 2024

Román Rodríguez destaca o novo selo de grao de excelencia docente como un impulso á calidade e á especialización do Sistema Universitario de Galicia


— Trátase dunha distinción que suporá unha garantía de alto nivel académico dos estudos de grao que a reciban

— As universidades terán dous meses para presentar as solicitudes a este selo desde a publicación da orde de convocatoria, o vindeiro día 10 do DOG

— A estratexia e resultados, o currículo, o deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, o profesorado e a inserción laboral son algúns dos criterios de avaliación

— Esta mención de excelencia, que xa rexía para os estudos de máster, súmase a outras accións impulsadas desde a Xunta para fomentar un sistema universitario galego innovador e adaptando ás demandas do conxunto da sociedade

A Xunta de Galicia outorgará un novo selo de excelencia docente de grao universitario, co obxectivo de recoñecer e acreditar a calidade académica destes estudos do Sistema Universitario Galego, tal e como deu a coñecer esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto de presentación da mencionada acreditación, no que tamén participaron os reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Julio Abalde; o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou que este novo selo de excelencia supón “un paso máis no camiño de vangarda, de procura da excelencia e de adaptación da oferta das universidades galegas á realidade social”, ao tempo que “favorecerá a competitividade destas titulacións acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica e formativa dos graos”.
Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta quixo facer fincapé en que esta distinción tamén supón “recoñecer o traballo docente na medida en que incentiva o seu labor, a súa implicación, o fomento da investigación e a transmisión de coñecemento”.

Román Rodríguez enmarcou esta nova distinción nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade. Entre elas, destacou o Mapa de Titulacións 2021-2026 para a implantación dunha decena de másteres e unha ducia de novas titulacións de grao nos sete campus galegos que doten a Galicia de profesionais cos perfís adaptados ás necesidades da sociedade futura”. Tamén o deseño dun modelo de titulacións duais, “no que Galicia é pioneira e que permite ao alumnado combinar a súa formación con contrato laboral regrado e remunerado nunha empresa”.

Criterios de avaliación

O obxectivo deste novo selo de excelencia é sensibilizar á comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse as transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicará o vindeiro día 10 no Diario Oficial de Galicia a orde reguladora deste selo de excelencia para os graos, que incluirá tanto os requisitos previos como os criterios de avaliación. Para acadar este selo, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade. Cada universidade poderá presentar tres solicitudes como máximo no prazo de dous meses desde a publicación da orde no DOG.

No que atinxe aos criterios de avaliación, establécense un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).

Nestes bloques valoraranse cuestións como as taxas de ocupación, graduación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.

Así mesmo, teranse en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador.

Finalmente, a exposición da proposta debe indicar con claridade os obxectivos acadados e futuros, a identificación de fortalezas e debilidades na actualidade, o compromiso coas estratexias de innovación docente e a planificación de actuación de mellora continua.

O selo de grao de excelencia terá unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26.
Máster de excelencia
Este recoñecemento súmase ao de máster de excelencia, un selo implantado hai tres anos. En total, son nove as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa. Neste momento está en tramitación a resolución da última convocatoria, co obxectivo de incorporar máis másteres a este selo.